sábado, 24 de marzo de 2012

Posible cabeza castrexa en Mandín

A primeira información desta publicación chegou a nós por unha veciña da aldea de Mandín, ela, xa velliña, falaba do "Castro de Moreiroa". Dicía que cando  era pequena inda se podía ver algúns restos de casas naquela zona e que fora a reforestación a que acabara con todo, entón deixou caer, sen darlle importancia, que unha casa da familia fora feita con aqueles restos e, entre as súas pedras, había unha coa forma dunha cara. Gracias a recente lectura de:  "A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa " de Calo Lourido  enseguida se me veu a mente a posibilidade de que se tratase dunha "Cabeza Castrexa".

As cabezas castrexas son un dos restos arqueolóxicos con máis interrogantes, segundo a "Enciclopedia  Galega Universal"  a súa definición é: Esculturas en pedra procedentes dos castros galegos e portugueses ou do seu contorno sen un encadramento cronolóxico definido, aínda que semellan formar parte dunha koiné artística mediterráneo-romana de ó redor do s I d C. O feito de non ter un encadramento cronolóxico definido e considerando que Calo Lourido das 23 pezas que el denomina "Cabezas humanas" so dúas foron encontradas nunha excavación arqueolóxica , fai que a súa inclusión na plástica da cultura castrexa sexa cuestionada por algúns historiadores.
A cabeza castrexa máis próxima a nos da que se ten constancia apareceu no museo de Chaves, e digo ben, si, apareceu no museo, pois ninguén sabe de onde saíu e un día encontrárona alí sen catalogar.
Fotografía da cabeza de Chaves sacada do libro
"A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa"

A casa onde se atopa a cabeza castrexa de Mandín encontrase no casco vello desta aldea, case enfronte a porta lateral que ten a igrexa. Da casa só queda en pe a fachada, e non por moito tempo pois moitas das pedras están crebadas e cheas de musgo. En canto levantas un pouco a vista alí a ves, devolvéndoche a mirada. A cara está nunha pedra que foi claramente reutilizada, é a única que sobresae da fachada. Na parte superior ten un pequeno listón que sobresae da pedra e a cara está mirando cara baixo.


Non son eu tan estudoso nin tan arrogante como para asegurar que a cara sexa castrexa, pero unha cousa é certa, é unha pedra ben curiosa, sobre o encadramento cronolóxico terán que falar outros que se adican a iso pero eu recomendo a quen poida que se acerquen a vela, aínda que só sexa por si cae a casa e destrue a peza.